Malestar ante as condicións da Xunta para a aprobación do PXOM

    1

    pxom_100_050606.jpgPOBRA > O equipo de goberno da Pobra amosou o seu malestar ante as correccións impostas pola Xunta de Galicia para a aprobación do Plan Urbanístico do Municipio. Entre outras observacións, o goberno autonómico amplía a franxa de protección costeira en Cabío e A Corna a cincocentos metros e impide a expansión dos núcleos de Conchido e A Ribeiriña cara o interior.

    O informe de 15 páxinas remitido pola Xunta no que inclúe as variación precisas para a aprobación do PXOM non foi moi ben recibido polo equipo de goberno local que vén no cumprimento destas condicións un freo para o desenvolvemento urbanístico do municipio.

    As deficiencias observadas pola Consellería de Política Territorial refírense fundamentalmente á ampliación das zonas protexidas establecendo en cincocentos metros a franxa de terreo rústico dende a liña de costa nas zonas de Cabío e a Corna. Nesta mesma liña impide a redución da franxa de protección de costas ata cen metros en certos puntos de Xobre, Laxe-Lombiña e Conchido e Ribeiriña.

    No documento remitido ó concello, a Xunta tamén indica a eliminación dos solos urbanizables non delimitados en todo o concello e a redución de áreas de expansión de núcleos rurais cando sobrepasan os 200 metros. Establece ademais que tódolos solos rústicos deben ter algún tipo de protección específica.

    Pola contra, outros proxectos que no seu día xeraron maior polémica como a ampliación do polígono da Tomada ou a construción dunha vía de circunvalación foron aceptados sen necesidade de incluír variacións importantes.

    O goberno local, que non terá máis remedio que acometer estas correccións, acusou ós grupo municipal nacionalista e á agrupación local do PSOE de exercer presión para impedi-la aprobación do PXOM, polo que terán que explicar ós veciños a súa oposición ó desenvolvemento urbanístico da Pobra.

    O alcalde ten prevista unha reunión co equipo redactor do Plan para o próximo mércores co fin de acometer o máis pronto posible as modificacións e poder levalo a pleno nun prazo aproximado de mes e medio. O retraso na aprobación definitiva do PXOM podería ter consecuencias negativas sobre os orzamentos municipais que prevían un importante ingreso derivado do Imposto sobre a construción condicionado pola aprobación do Plan Urbanístico.

    Redacción Barbanza

    COMPARTIR