Boiro contará cun Centro Especial de Emprego para as persoas discapacitadas

    BOIRO > O executivo boirés está a ultima-las xestións para a creación dun Centro Especial de Emprego co obxectivo de proporcionarlles ás persoas con discapacidade do municipio a realización dun traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características persoais e que facilite a súa integración laboral. A iniciativa, que actualmente se atopa na fase do Plan de Empresa, podería entrar en funcionamento nun prazo aproximado dun ano.

    Dende hai algúns meses o executivo boirés está a promover, conxuntamente coa Confederación Galega de Minusválidos e a Asociación AMBAR, a creación dun Centro especial de Emprego no municipio, co fin de ofrecerlle ás persoas discapacitadas, tanto psíquicas como fisicas, a súa integración no mercado laboral axeitado ás súas características persoais.

    A iniciativa pode ser creado a través dunha Administración Pública directamente ou en colaboración con outros organismos, podendo ter un carácter público ou privado e con ou sen ánimo de lucro. O único requisito será que o grao de minusvalía dos traballadores non pode ser inferior ó 33%.

    Actualmente segundo nos confirmou a propia Dores Torrado a iniciativa atópase na segunda fase que corresponde coa creación dun plan de empresa.

    Pola súa banda o alcalde, Xosé Deira, sinalou a importancia deste proxecto que posibilitará a inserción laboral das persoas con discapacidade, que poden desenvolver un traballo normal, o que aumentará a súa autoestima considerándose válidos para a sociedade.

    Redacción Barbanza