![]()
RIBADUMIA > Ribadumia segue apostando pola recuperación do seu patrimonio natural e histórico. O concello xa conta con oito muíños rehabilitados ó longo do Regato á Armenteira, os últimos os de Porto. Este último tramo daralle continuidade á ruta dos muíños de Barrantes ata o río Umia. Un paseo que tamén pretende seguirse a través dos muíños rehabilitados de Meis.
Ribadumia podería contar a finais deste ano cunha ruta de sendeirismo de quilómetro e medio con oito muíños totalmente rehabilitados. O concello está a ampliar o sendeiro xa existente en Barrantes ó longo do regato á Armenteira ata a súa confluencia co río Umia, incluíndo tamén os muíños de Porto. Ata o de agora estase a traballar no tramo que vai ata o Pazo de Barrantes e xa se está a redactar o proxecto para completar o sendeiro. A obra estase a financiar con cargo ó Plan de Dinamización Turística, que na anualidade 2005 supuxo un investimento de 60 mil euros. Neste tramo daráselle o mesmo tratamento que na ruta de Barrantes, con paseo de xabre, delimitado con valado de madeira e farois.
O concello, a través do departamento de turismo, está a xestionar ante a Federación de Montañismo a homologación da ruta de sendeirismo que existe actualmente ó longo dos muíños de Barrantes. O goberno local pretende tamén unir este sendeiro co de Meis. Estes enclaves estanse a converter en lugar habitual de paseo, sobre todo nas fins de semana, sendo un dos principais puntos de atractivo turístico do concello ribadumiense. Esta ampla ruta de sendeirismo polos muíños de auga uniríase nun futuro co paseo fluvial que se pretende construír entre as pontes de Barrantes e Castrelo.
Redacción Salnés






