Os socialistas sinalan a Esquerda Unida como os responsables do seu pacto co PP

    VILAGARCÍA> O día despois do pleno no que por fin se sacou adiante a organización do concello, o acordo entre PSOE e PP que conseguiu desbloquear a situación segue coleando. Esta mañá, o alcalde e a voceira do goberno compareceron para explicar as condicións nas que se dera este acordo. Insistiron en que o pacto limítase a sacar adiante a organización, e que os socialistas manterán o seu goberno en solitario. Tamén acusan á esquerda de forzalos a pactar cos populares, sobre todo a Esquerda Unida.

     

    Alberto Varela e Tania García compareceron hoxe para explicar o pacto co que por fin desbloquearon a organización de Ravella.

    Fixeron especial fincapé no feito de que non se trata dun pacto de goberno nin moito menos dunha coalición cos populares.

    Ademais de acadar un concelleiro con dedicación exclusiva, un cargo de confianza, representación no consello de administración da Autoridade Portuaria e na Mancomunidade do Salnés e a vicepresidencia do Padroado de Fexdega, os populares tamén conseguiron que os socialistas asinaran o compromiso con varias obras incluídas no seu programa.

    Ante as críticas por pactar coa dereita, Varela recordou que pactos entre PP e PSOE para sacar adiante a organización déronse en moitos concellos pero lamenta non ter acadado acordos coa esquerda. Especialmente críticos foron con Esquerda Unida que, aseguraron, nin contestaban ás chamadas.

    A formación de Jesús López deféndese nun comunicado asegurando que nunca recibiron unha proposta aceptable, e acusan aos socialistas de extorsión e difamación na procura dunha escusa para pactar cos populares.

    A pesares da tensión coas forzas da súa esquerda, Alberto Varela agarda poder reconducir as relacións e segue coa man tendida para acadar un pacto de cidade para Vilagarcía.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/25/pacto_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/25/pacto_vilagarcia.mp4{/flowplayer}

     

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí