Interveñen dúas planedoras relacionadas coa detención de Pérez Lago

    VILANOVA > Os GRECO interviron dúas planeadoras que estaban no interior dunha nave en Vilanova de Arousa. Esta nova actuación forma parte da operación contra o narcotráfico levada a cabo na Costa da Morte e na que se viu implicado o fillastro de Laureano Oubiña, David Pérez Lago e outros tres veciños de Arousa. Un deles é o cambadés Ramón Baúlo Sineiro, que ingresou na Lama.

    operacionzapatos_300_040506.jpgRamón Baúlo Sineiro, o cuarto detido na operación antidroga na que se incautaron dúas toneladas de cocaína en Corme, ingresou no cárcere da Lama tras prestar declaración no xulgado de Cambados. Crese que Ramón Baúlo prestoulle apoio á organización que lidera David Pérez Lago, o fillastro de Oubiña detido tamén no marco desta operación.

    Precisamente foi na súa casa da Laxe, en Vilagarcía, onde se desenvolveu un dos primeiros rexistros. Posteriormente terían lugar outros na casa que David Pérez ten en Aguete e este xoves o Greco precintaba unha nave onde se atopaban dúas planeadoras supostamente pertencentes tamén ó fillastro de Oubiña. A nave en cuestión é a que se ve na fotografía. Está situada na zona da praia das Patiñas, en Vilanova de Arousa e dentro están as dúas planeadoras incautadas. Unha de oito metros e outra dalgo máis de 15.

    En días pasados o Servizo de Vixiancia Aduaneira interviu un iate preto do illote de Rúa pertencente tamén a Pérez Lago. Tanto a Garda Civil como o Greco seguen buscando ás outras persoas que estarían identificadas polas forzas de seguridade pero que ata agora terían logrado eludi-lo cerco policial. Por outra banda o PpdeG ven de asegurar que estos casos de narcotráfico están relacionados co desmantelamento do servizo de vixiancia aduaneira que favorece a reaparición desta actividade.

    Segundo o voceiro do grupo popular, Manuel Ruíz Rivas, a Axencia Tributaria prima o afán recadador en vez de potencia-lo investimento en medios humanos e materiais. Por iso piden que se recupere o servizo de vixiancia e represión do narcotráfico que tantos éxitos colleitou no pasado.

    Redacción Salnés