![]()
VILAGARCÍA > Os traballadores do sector do metal manifestáronse na Praza de Galicia en Vilagarcía onde celebraron unha asemblea informativa na que foron postos ó tanto da evolución da folga. Os manifestantes, arredor dos douscentos, percorreron as rúas facendo oír as súas reivindicacións.
O seguemento da folga do sector do metal está a ser todo un éxito tal e como demostran as imaxes da concentración deste xoves na Praza de Galicia de Vilagarcía. Uns 200 traballadores reuníanse para escoitar as últimas novidades na evolución da folga e para organizar a tarde da segunda xornada de protestas.
Estiman que un 95 por cento dos traballadores están a secundar esta folga que busca a mellora do convenio provincial e que polo momento non está a dar froitos trala mesa de negociación celebrada o mércores en Vigo. Aínda así, os sindicatos anuncian que non se pensan botar atrás ata que acaden os seus obxectivos.
Aínda que a vontade de diálogo por parte dos traballadores é grande, polo momento a patronal non amosa intención de chegar a un acordo a pesar dos intermediarios do goberno. Grazas á colaboración dos traballadores a intervención dos piquetes foi mínima e non houbo que salientar, polo momento, grandes incidencias.
Redacción Salnés









