O BNG pobrés denuncia ‘favoritismo’ na política de persoal do concello

    POBRA > Nova denuncia do BNG da Pobra en contra do executivo municipal; esta vez en relación á súa política de persoal. Os nacionalistas denuncian as irregularidades na creación da praza de técnico superior para a dirección do Museo Valle-Inclán. Segundo explica a agrupación nacionalista, as bases para optar ó posto axústanse exclusivamente ó perfil persoal e técnico do actual concelleiro de Cultura, Antonio González Millán, facendo imposible a elección de calquera outro candidato ó posto.

    Xa o pasado ano, cando se aprobou a modificación da plantilla de persoal para a introdución desta praza, o BNG votara en contra por considerar que este novo cargo xa tiña nomes e apelidos. Na actualidade, os nacionalistas cren que o tempo venlles a dar a razón posto que, publicada a lista de admitidos para optar á convocatoria, un dos nomes é o de Antonio González Millán, actual concelleiro de Cultura. Os responsables locais do BNG argumentan que as bases desta convocatoria están especialmente creadas para esta persoa posto que o temario está practicamente elaborado por el e a maioría dos puntos refírense a temas que vén desenvolvendo o departamanto de Cultura que el dirixe.

    Así mesmo, o apartado de méritos inclúe certos rasgos que só se poden adquirir sendo concelleiro de Cultura como a participación na elaboración de guías turísticas ou a dirección de certos actos relacionados co museo.bngpobra_300_040506.jpg

    Os nacionalistas consideran que este feito constitue un agravio comparativo con respecto ós restantes candidatos, despreciando os principios de mérito, capacidade e igualdade que deben rexer os procesos de selección dos empregados públicos.

    Así mesmo, argumentan que o concello ten unhas carencias de persoal moito máis importantes que a da dirección do Museo Valle-Inclán que vai costar ás arcas municipais máis de 30 mil euros ó ano posto que se trata dunha praza de técnico superio do grupo A.

    Ante estes feitos os nacionalistas dedican ó rexedor pobrés, Isaac Maceiras, graves cualificativos como ‘inmoral ou chanchulleiro político’ e ínstanlle a tomar medidas para que non se leve a cabo o que califican de ‘falcatruada política’.

    A intención do BNG é que a opinión pública sexa consciente da política de persoal levada a cabo polo concello. Ademais non descarten emprender outras accións se o executivo non decide dar marcha atrás.

    Redacción Barbanza