Os pais do Santa Baia reclaman o mantemento das tres aulas de primaria para o curso que vén

BOIRO> Como anunciaran, un grupo de pais de alumnos do colexio Santa Baia de Boiro, que rematan ciclo de infantil e pasan a primaria, concentráronse esta mañá ás portas do colexio. A súa protesta respondía á decisión de Educación de eliminar un dos tres grupos previstos para o curso que vén.

Ás nove menos cuarto da mañá, despois de deixar ós seus fillos no colexio, un nutrido grupo de pais e nais de alumnos do último curso de infantil que o vindeiro ano cursarán primeiro de primaria concentrábanse ás portas do centro educativo. A súa reclamación responde ás intencións da consellería de Educación de eliminar un dos tres grupos previstos para primaria para o curso que vén debido ás baixas na matriculación. Esta circunstancia provocará, segundo eles, un aumento do número de alumnos por aula, o que conlevará a unha merma na calidade educativa.

Tamén solicitan que se aumente de dúas a tres as prazas de especialista en Audición e Linguaxe e outras tres de Pedagoxía Terapéutica debido a que no colexio cursan estudo ó redor duns 50 nenos con necesidades especiais.

Dende a Xunta defenden a decisión de eliminar unha das tres aulas de primeiro de primaria neste colexio. Segundo o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, a decisión foi tomada tendo en conta a redución do número de alumnos prevista para o curso que vén, cumpríndose escrupulosamente as ratios establecidas. En canto ás necesidades de aumentar o número de profesores especialistas sinalou que se se estudarán en base ós criterios técnicos que determine inspección educativa.