PONTECESURES > O alcalde de Pontecesures convocou para o vindeiro día 13 ás seis da tarde o pleno extraordinario solicitado por ACP e PP. Estes grupos municipais queren que a corporación retire as retribucións que percibe tanto o alcalde, por dedicación exclusiva, como a edil de Urbanismo, por dedicación parcial.
O concelleiro da Agrupación Cidadá de Pontecesures, Luís Ángel Sabariz, insiste en que a súa decisión de solicitar este pleno extraordinario non ten nada que ver con caprichos ou protagonismos. Responde así ás insinuacións feitas desde o BNG o pasado venres cando se coñecía a petición feita por ACP e apoiada polos concelleiros do PP.
Na sesión plenaria, que terá carácter extraordinario, Sabariz está disposto a aportar máis argumentos en contra da dedicación exclusiva do alcalde e da retribución parcial que percibe a edil de Urbanismo. O portavoz de ACP asegura que desde que hai dedicación exclusiva prexudícase a outros membros da corporación impedindo as súas funcións. Incluso acusa ó rexedor de actuar con secretismo e prepotencia nos asuntos municipais.
Sabariz lembra que participou moi activamente nos proxectos que o BNG anuncia para Pontecesures con axuda do novo goberno da Xunta, e eso que non ten dedicación exclusiva. Recoñece que son investimentos moi positivos pero afirma que se executarán haxa ou non haxa dedicacións exclusivas ou parciais. ACP insta ó alcalde e á edil de Urbanismo a continuar traballando sen retribución.
En canto á advertencia do BNG, de que solicitará o cese de Sabariz como membro do Equipo de Goberno se non reconsidera a súa postura a tomar no pleno, o edil de ACP denuncia que na práctica xa o afastaron desde hai tempo. Polo tanto comunica ós veciños que siga ou non no equipo de goberno continuará traballando polo pobo.
Redacción Salnés