Pescadores salvadoreños visitan Galicia para coñecer prácticas de pesca e acuicultura

    A ILLA> Unha delegación de pescadores salvadoreños visita estes días Galicia co obxectivo de coñecer as prácticas de pesca e acuicultura sostible da nosa zona e trasladar algunhas desas técnicas ao seu país. Durante 10 días percorrerán 10 municipios galegos onde poderán aprender a pór en valor o produto e o traballo das persoas.

     

    Eles son algúns dos beneficiarios dun proxecto de Cooperación ao Desenvolvemento que financia a Xunta de Galicia. Un proxecto no que a Asamblea de Cooperación pola Paz trata de que as comunidades que se viron desprazadas tralo conflito armado que o país viviu nos anos 90 poidan saír adiante cos seus propios medios de produción e que o fagan dunha maneira sostible.

    Tras unha visita a Conxemar e ás redeiras de A Guarda, a súa segunda xornada de xira comezaba polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa.

    Coñecer os procedementos de depuración do marisco, as posibilidades de negocio que teñen incluso fóra da alimentación, visitar unha batea, ver os mercados e as lonxas das principais vilas de Galicia e falar con agrupacións de pescadores, mariscadoras e armadores son algunhas das actividades que lles quedan por diante. Unha completa axenda de traballo coa que coller ideas que poidan aplicar en El Salvador para o desenvolvemento do seu país.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/visita_salvadorenhos_pesca.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/visita_salvadorenhos_pesca.mp4{/flowplayer}