Plantón ós representantes da comunidade educativa do IES Coroso

    RIBEIRA > O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, mantivo este venres un encontro coa Conselleira de Educación para trata-la situación do IES Coroso, unha vez decicido o mantemento da súa oferta educativa durante o vindeiro curso. Ata as dependencias de San Caetano, tamén se desprazaron representantes da comunidade educativa do centro pero a titular de Educación negouse a recibilos.

    No transcurso da xuntanza, a Conselleira de Educación, Laura Sánchez, confirmoulle ó rexedor ribeirés que a partir do vindeiro ano inicarase un periodo de reflexión para buscar unha solución á situación do IES Coroso.

    Torres Colomer trasladoulle á Conselleira os desexos de toda a comunidade educativa de Ribeira de contar cun centro integrado compatibilizándoo co mantemento da oferta educativa de Ensinanza Secundaria existente na actualidade.

    Deste xeito, o alcalde comunicoulle que os pasos que se vaian dando e as decisións a tomar deben estar consensuadas contando coa participación de pais, alumnos e profesores.

    Sen embargo, parece que a Consellería non ten pensado seguir esta liña posto que a pesar das frecuentes peticións, a titular de Educación non se reuniu cos pais e profesores dende que comezaron as protestas.

    A Conselleira negouse a recibir a varios representantes da comunidade educativa que acompañaban ó alcalde na súa visita, tal e como tiñan solicitado previamente.

    O profesorado non entende a actitude da administración e solicita que se manteña o fncionamento do centro, tal e como está agora posto que ten amosado a súa eficacia.Así mesmo, os membros da comunidade educativa seguen a solicitar a dimisión do director, Xosé Antonio Ventoso Mariño, debido á súa actitude autoritaria e á falla de diálogo existente, razón pola cal non se sinten representados.

    Os propios alumnos admiten ser vítimas da ‘suposta presión’ por parte do director que, segundo unha das estudantes, chegou a increpala en ton ameazante.

    Redacción Barbanza