Varios concesionarios e empresas queren instalarse no Polígono de Sanxenxo

    SANXENXO > A Agrupación de Propietarios do Parque Empresarial de Sanxenxo estima rematar a urbanización desta área en febreiro de 2007 e espera que un 70 por cen das parcelas estean tramitando para entón as súas licenzas. Ata o de agora xa son varios os concesionarios e empresas que queren instalarse nesta área industrial, emprazada en Nantes.

    poligonosanxenxoobras_300_050506.jpgO Parque Empresarial de Sanxenxo xa recibiu as primeiras ofertas de empresas interesadas en asentarse nesta área industrial de 650 mil metros cadrados. Entre as firmas atópanse varios concesionarios ou edificios de oficinas relacionadas con empresas que operan no concello.

    O polígono terá 279 parcelas urbanizadas, de entre 400 e 4.000 metros cadrados, que poderían estar listas en febreiro do vindeiro ano, segundo as previsións da Agrupación de Propietarios. Actualmente ultímase a dotación dos servizos básicos coa colocación de arquetas de enganche para a auga, saneamento e pluviais en tódalas parcelas e a instalación dunha tubería para o saneamento de dous quilómetros que conectará o Parque Empresarial coa depuradora de Meaño. Xa se iniciou tamén a explanación do firme das vías interiores que oscilan entre os 23 e 25 metros de ancho.

    A Agrupación de Propietarios estima que a finais de verán comece a dotación de alumeado e mobiliario a todo o polígono. Deste xeito, cando finalicen as obras de urbanización, espérase que un 70 por cento das parcelas estean xa tramitando as súas correspondentes licencias.

    Redacción Salnés