A Consellería de Cultura interésase polo tecido asociativo do Barbanza

    BOIRO > O director xeral de Creación e Difusión Cultural desprazouse esta fin de semana ata Boiro co obxectivo de coñecer máis a fondo a labor das asociacións culturais existentes na comarca. Así mesmo, o representante autonómico deu a coñecer dous proxectos promovidos pola súa Consellería que se achegarán ata o Barbanza como son ‘O barco da Memoria’ e ‘A Cultura Circula’.

    Un bo número de persoas, entre as que se atopaban os representantes das principais asociacións culturais e parroquiais do Barbanza, asistiron ó encontro co director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, que tivo lugar no Centro Social de Boiro.

    No transcurso desa xuntanza, o representante da Consellería de Cultura interesouse pola actividade cultural desenvolvida polos colectivos e entidades comarcais co obxectivo de establecer liñas de colaboración conxuntas dende o ente autonómico.

    Actualmente, o departamento autonómico xa mantén unha estreita colaboración con algunhas dos colectivos comarcais, especialmente coa asociación cultural Barbantia. O obxectivo é extende-las axudas a outras entidades que desenvolven unha importante labor socio-cultural.

    Luís Bará aproveitou o encontro cos representantes do tecido asociativo para presentar dous programas que a Consellería de Cultura vai levar por toda Galicia, incluidos os pobos do Barbanza. ‘O barco da memoria’ incidirá na recuperación da memoria histórica mentres que ‘A Cultura circula’ achegará música, cine, teatro de infinidade de artes escénicas a tódolos espectadores.

    Redacción Barbanza