O PSOE solicitará a implantación dun Centro de Hostalería na Pobra

    POBRA > O PSOE da Pobra ten previsto solicitar á Xunta a creación dun Centro de Hostalería e Turismo no municipio. O obxectivo dos socialistas, que levarán esta iniciativa ó pleno municipal, é contribuír á dinamización do sector a través dunha mellor formación dos profesionais así como aumentar a oferta de ciclos formativos do concello.

    Este proxecto non constitúe unha iniciativa nova senón que xa hai uns meses, a responsable da área de educación dos socialistas pobreses, Charo Varela, mantivo unha xuntanza co director de Formación Profesional da Xunta de Galicia, Antonio Vázquez, para expoñerlle esta proposta. Daquela, o responsable autonómico amosou o seu interese por esta iniciativa e afirmou que podería ser viable a implantación dun Centro de Hostalería na Pobra.

    Os socialistas apoian a súa proposta na necesidade de formación no sector que vén avalada polos propios empresarios da comarca que denuncian a escasa profesionalización e a necesidade de contar con persoal cualificado.

    Os socialistas consideran que A Pobra do Caramiñal é o lugar idóneo para a implantación deste centro posto que constitúe o concello con menor oferta educativa de toda a comarca posto que tan só conta cun instituto. O PSOE agarda que esta proposta sexa apoiada por tódolos grupos políticos municipales polo que trasladará a iniciativa ó pleno a través do concelleiro, Jesús Huerta.

    A implantación deste centro contribuiría a unha maior profesionalización e dinamización do sector turístico en xeral así como a un notable aumento da oferta educativa no concello pobrés.

    Redacción Barbanza