Os pacientes de Aguiño reclaman dous médicos a tempo completo

RIBEIRA> Os veciños de Aguiño volveron concentrarse esta mañá ás portas do centro de saúde da localidade para reclamar a incorporación dun médico e dar así cobertura ás dúas prazas con que conta. Seguirán a demandar a mellora da calidade asistencial na atención tal e como fixeron onte coa concentración en Santiago na que tentaron, sen éxito, ser recibidos polo Conselleiro de Sanidade.

Aguiño segue a reclamar dous médicos a tempo completo. Tras unhas semanas nas que o centro de saúde de parroquia quedou sen ningún facultativo, agora vén de cubrirse unha das prazas tendo que asumir a súa titular un exceso de traballo con máis de medio cento de pacientes diarios.

Dende a plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza manterán esta e o resto de convocatorias de mobilización semanais en toda a comarca ata ser recibidos polo Conselleiro de Sanidade.

Tampouco onte na concentración de Santiago conseguiron ser recibidos por ningún representante da Consellería polo que cursaron unha nova solicitude que se vén sumar ás numerosas peticións de reunión, ata agora sen resposta.