BOIRO > Satisfacción do executivo boirés ante a aprobación definitiva do proxecto de rexeneración da praia de Barraña, o que supón un paso adiante para a realización desta actuación. Segundo informaron fontes do propio executivo as obras de rexeneración desta areal poderían comezar a finais de ano.
A nova da aprobación definitiva do proxecto de rexeneración da praia de Barraña por parte da Demarcación de Costas, organismo dependente do Ministerio de Medio Ambiente, foi acollida de xeito moi satisfactoro polo executivo local que deste xeito vén cumprida unha das súas principais reivindicacións dende a súa chegada ó goberno.
A actuación, cun presuposto que se achega ós sete millóns de euros, seguirá agora o seu proceso coa adxudicación das obras. O executivo boirés agarda a que o comezo dos traballos non se demore moito máis de finais de ano.
A modificación da actuación prevista veu motivada polas indicacións da Confraría de Cabo de Cruz que solicitou que non se moveran os bancos de area existentes na zona xa que esta medida prexudicaría ó sector marisqueiro Por este motivo, é precisa unha maior cantidade de area seca e aumenta o espazo de praia a rexenerar, co consecuente aumento do presuposto necesario.
Así mesmo, o goberno sinalou que foi precisa a elaboración de sucesivos estudos de viabilidade do proxecto posto que a actuación proxectada polo anterior goberno do PP tan só contaba cun estudo preliminar. Actualmente, as previsións apuntan a que os traballos dean comezo a finais de ano, a pesar das dificultades de atopadas no proceso.
Redacción Barbanza