A Semana Santa de Noia recupera o Desencravo tras medio século

    NOIA> A Semana Santa de Noia recupera este ano o Desencravo que se suma ós numerosos actos litúrxicos que acollerá a vila. Non é a única novidade xa que o cartel deste ano é o resultado do primeiro concurso de carteis ó que concorreron máis de trinta obras. A Semana Santa noiesa preséntase este ano cargada de novidades. Unha, a recuperación da escenificación do Desencravo que levaba máis de medio século sen celebrarse. Por outra banda, tamén destaca a convocatoria dun concurso para o deseño do cartel. Presentáronse, nesta primeira edición, trinta e dúas propostas das cales saíu elixida a obra do sonense Óscar Manuel Chouza. O programa festivo componse en total de seis procesións que arrancan o Venres de Dores. O domingo de Ramos sairán a Borriquiña e o Ecce Home mentres que o xoves santo terá lugar a procesión das Carracas. O Santo Encontro e o Santo Enterro a celebrar o venres santo clausuran os actos procesionais. A longa tradición da Semana Santa noiesa fai que cada ano centos de visitantes se despracen ata a vila a desfrutar dos actos relixiosos ou das alternativas de lecer que ofrece nestas datas. Precisamente o alcalde quixo agradecer a colaboración das diversas cofradías da parroquia así como de Noia Histórica que colaboran na organización das actividades convertendo a Noia nun destino de referencia nestas datas.