Industrais do Deza asumirá as obras de instalación da traída de auga en Cespón

    BOIRO > Os membros do tripartito boirés amosaron a súa satisfacción porque a Consellería de Medio Ambiente vén de adxudica-las obras de instalación da traída de augas para a parroquia de Cespón. A actuación, cun presuposto de 660 mil euros, será realizada pola empresa Industrias do Deza e con ela darase servizo a uns tres mil veciños.

    Segundo os membros do executivo boirés, con esta obra, os problemas de presión e mesmo carencia de auga dos veciños da parroquia de Cespón veranse solucionados grazas á instalación dunha nova traída de auga procedente do río Ulla.abastecemento_300_100506.jpg

    A adxudicación recente dos traballos á empresa Industrias do Deza por un presuposto que se achega ós 660 mil euros fai pensar ós membros do goberno local que as obras dean comezo de inmediato, polo que no prazo dun ano a actuación podería estar rematada e con ela os problemas dos veciños que dende hai tempo veñen reclamando esta obra.

    Durante a comparecencia ante os medios os membros do executivo boirés tamén fixeron referencia a outras actuacións pendentes da Consellería de Medio Ambiente neste concello e que poderían levarse a cabo tamén de inmediato xa que o propio conselleiro ten coñecemento delas despois da visita realizada hai varios meses a este municipio.

    Algunhas destas obras son a rexeneración integral da conca do río Coroño ou a mellora da rede de saneamento en Boiro de Arriba.

    Redacción Barbanza