POBRA> As confrarías de Arousa e Muros Noia traballan a reo estes días para retirar as algas que ameazan os bancos marisqueiros. A abundante presenza destas especies, que se incrementou nas últimas semanas, asfixia o marisco. Aínda que a presenza de algas nos areais é habitual, as altas temperaturas das últimas semanas propiciaron unha alta proliferación da especie que está a afectar ás concesións marisqueiras. As confrarías traballan a reo para retirar os centos de quilos que se acumulan sobre a area provocando a morte do marisco. Mentres que na zona de Muros e Noia estase a acumular a coñecida como leituga que se retira con maior facilidade, noutras concesións arousás como é o caso da Pobra están a verse afectadas polo pelo. Esta especie supón maior problema xa que unha vez morta se deposita no fondo acabando con todo o marisco na superficie afectada. Dado que se trata dun fenómeno natural provocado polas condicións climatolóxicas, non se pode previr nin evitar. A única solución é redobrar os esforzos para retirar este manto que día a día cubre novamente os areais e agardar a chegada de temporais no mar.
Inicio Barbanza - Muros - Noia







