A Deputación da Coruña investirá 300 mil euros na mellora do campo da Alta

    POBRA > A Deputación da Coruña aprobará en pleno o proxecto de acondicionamento e mellora do Estadio Municipal da Alta na Pobra do Caramiñal. A actuación, cun presuposto que supera os 300 mil euros, suporá mellora-las actuais deficiencias desta instalación, tanto no terreo de xogo coma nos vestiarios.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, amosou a súa satisfacción pola decisión da Deputación da Coruña de levar a pleno o proxecto de acondicionamento e mellora do Estadio Municipal da Alta cun presuposto que supera os 300 mil euros.

    Segundo o rexedor pobrés o terreo de xogo atópase actualmente nun pésimo estado, fundamentalmente o sistema de drenaxe e o rego, así como tamén o propio céspede. A actuación tamén contemplará a mellora dos actuais vestiarios, así como a grada e a cuberta.

    O arquitecto municipal, Marcos Rey explicou as características do proxecto, no que se contempla tamén a eliminación de tódalas barreiras arquitectónicas.

    O rexedor pobrés confía en que as obras poidan iniciarse este verán, polo que de cumprirse os prazos previstos podería estar rematadas antes de finais de ano.

    Redacción Barbanza