Ribeira acollerá este verán o ‘II Encontro de Creadores do Barbanza’

    RIBEIRA > O concello de Ribeira e a Asociación Cultural Barbantia organizarán conxuntamente este verán o ‘II Encontro de Creadores do Barbanza’. A iniciativa será posible grazas ó convenio asinado polo concelleiro de Cultura ribeirés, Luciano Fernández, e o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello.

    A conmemoración este ano do centenario de Ribeira como cidade foi unha das razóns fundamentais polas que, tanto o concello de Ribeira como a Asociación Cultural Barbantia, puxeron o seu maior interese en celebrar neste municipio o ‘II Encontro de Creadores do Barbanza’.

    O acordo de colaboración entre as dúas partes foi asinado polo concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, e o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello.

    A edición deste ano convocará a fotógrafos e escritores da comarca, buscando como tema principal a capital barbanzá.

    Do traballo realizado polos 28 creadores editarase un libro, co que se pretende ofrecer unha descuberta moderna de Ribeira a través da súa percepción tanto visual coma literaria.

    O concelleiro de Cultura ribeirés destacou a importancia do convenio máis se cabe pola importancia de Barbantia como unha das principais entidades dinamizadoras da cultura na comarca.

    A Asociación Cultural Barbantia xunto co Comité Asesor do Centenario nomearán un grupo de coordinación que se encargará de xestiona-la edición do libro e a organización do encontro de Creadores que podería realizarse no vindeiro mes de xuño.

    Redacción Barbanza