Anticorrupción di que Afinsa é insolvente e que Forum está en quebra

    SALNÉS > Os xuíces da Audiencia Nacional que levan os casos de Afinsa e Forum Filatélico levantaron hoxe o segredo de sumario dando a coñecer o contido das querelas presentadas pola Fiscalía Anticorrupción. Esta cualifica a situación financeira de Afinsa de absoluta insolvencia, cun burato fiscal de 1.100 millóns de euros, e a de Forum de quebra, cun déficit de 2.400 millóns. 

    A Fiscalía Anticorrupción presentou sendas querelas ante a Audiencia Nacional contra as empresas Afinsa e Fórum Filatélico por branqueo de capitais, insolvencia punible e administración desleal. A Afinsa acúsaa ademais de delito contra a Facenda Pública e falsidade en documento privado. Desta empresa di que a súa situación é de absoluta insolvencia, mentres que da situación de Fórum di que é claramente de quebra. Anticorrumpción denuncia que o déficit patrimonial de Afinsa era de case 1.100 millóns de euros en 2004, e prevé que sexa maior na actualidade. O desfase patrimonial de Fórum cífrao en 2.400 millóns. Os datos déronse a coñecer hoxe tralo levantamento do segredo de sumario dictado polos dous xuíces da Audiencia Nacional que levan ambos casos.

    En total, hai dez imputados: catro directivos e un provedor de Afinsa e cinco directivos de Fórum Filatélico, todos detidos e poderían pasar mañá a disposición xudicial. A Fiscalía di que as dúas empresas realizaron nos últimos anos un negocio fraudulento de captación de aforro masivo, mediante a compra de selos sumamente sobrevalorados, cando non falsos, e despois entregando cantidades en concepto de intereses que non eran tales, senón parte do efectivo recibido dos propios clientes.

    Fórum Filatélico e Afinsa teñen volcados nas súas respectivas páxinas web (www.forum-filatelico.co.nr e www.afinsa.com) comunicados para tranquilizar a clientes e empregados.

    Redacción Salnés

    Comments are closed.