![]()
VILAGARCÍA > As augas da ría de Arousa foron o segundo domingo de maio o escenario da proba clasificatoria da zona sur para o Campionato Galego de Pesca Submarina. A zona de pesca transcorría dende o Faro Pombeiro ata o espigón de entrada do Náutico San Vicente. 4 horas de pesca das que saíron 12 clasificados, que competirán cos da zona norte no Campionato Galego de Pesca Submarina.
Máis de 50 buzos participaron na clasificatoria- galega sur baixo a organización do Club Pérez- Sub, a quen a Federación elixiu polo seu nivel de organización de eventos e campionatos relacionados con esta disciplina e que xa organizara hai 3 anos o campionato galego. Así, Vilagarcía acolleu durante a xornada matinal do domingo esta proba de pesca submarina que comezaba en Marina Vilagarcía e trala que os participantes se enfrontaron a 4 horas de pesca. Á volta en Marina Vilagarcía tiña lugar á pesada e os xuíces da Federación certificaban as capturas dos participantes. Pintos e maragotas foron os mais abondosos, algún sargo, un congrio, unha ballesta, unha morena e, pese a que acostuma a ser habitual, ningunha lubina. Na entrega de trofeos houbo premios para os tres primeiros clasificados, Elías Billar do Club Sotavento, Tomas Davila de Galerna e Víctor Puerta de Montañeros Celtas recibiron respectivamente o 1º, 2º e 3º trofeo. O cuarto posto foi para Agustín Tourón do Real Club Náutico Sanxenxo, o quinto foi Angel González de Sotavento,…e así ata 12 clasificados da zona sur. En canto ós premios pola peza mais grande capturada, o primeiro premio foi para Fernando González do club Bahía de Vigo, cun pinto de 2 quilos 900 gramos. Tamén se premiaron a tres participantes polo seu maior número de pezas capturadas e válidas, xa que só se contabilizan as pezas superiores a un quilo de peso. 13 capturou Elías Billar, e 12 Tomás Davila, os mesmos que o terceiro premiado, Víctor Puerta. Unha vez coñecidos os 12 clasificados da zona sur, a zona norte tamén organizará a proba clasificatoria. O total de clasificados participará de cara ó verán na final do Campionato Galego de Pesca Submarina e a partir de setembro os mellores galegos competirán a nivel nacional.
Redacción Salnés









