O PP denuncia o incremento das listas de espera no Hospital do Barbanza

    BARBANZA > O deputado do Partido Popular pola comarca do Barbanza, Manuel Ruíz Rivas, vén de denunciar a maquillaxe contable realizada pola Consellería de Sanidade nas listas de espera do Hospital Comarcal, onde algunhas citas de xinecoloxía son para dentro de máis de dous anos. Segundo el estes datos veñen a confirmar que tódalas promesas electorais realizadas na comarca do Barbanza tanto polo PSOE como polo BNG en materia sanitaria continúan sen ser materializadas.

    O Hospital Comarcal da Barbanza presenta listas de espera medias de 252 días, ou o que vén sendo máis de oito meses, nas consultas de xinecoloxía, segundo revela un documento remitido pola Xunta de Galicia ó deputado do Grupo Popular Manuel Ruiz Rivas, que esixira información escrita sobre este asunto.

    Na resposta escrita remitida a Ruiz Rivas, a Administración Autonómica recoñece que, a data 31 de marzo de 2006, as demoras medias nas consultas de uroloxía situanse nos 92 días.

    A pesar de que a demora admitida pola Xunta é xa considerable, o deputado popular alerta que o Hospital da Barbanza está efectuando unha maquillaxe contable das listas de espera, e que na práctica provoca que, a día de hoxe, algunhas mulleres reciban citas de xinecoloxía para dentro de máis de dous anos. Nalgúns casos, as citas non se conceden de xeito inmediato, coa desculpa de que aínda non están operativas as axendas e anímaselles a que volvan solicitar a consulta pasados algúns meses.

    Segundo Manuel Ruíz os datos que lle facilitou a Xunta confirman as sospeitas dos populares, que levan meses advertindo da existencia de voluminosas listas de espera a pesar dos anuncios de redución efectuados desde o actual Goberno Autonómico. Para el constátase, do mesmo xeito, que o suposto descenso das listas de espera non é tal na realidade, senón que tan só se limita a unha operación mediática planificada pola Consellería de Sanidade.

    De feito, esta mesma semana, o PPdeG denunciou no Pleno a existencia dunha circular interna, enviada polo Gabinete da conselleira aos xerentes e directores médicos de todos os hospitais públicos, entre outros responsables periféricos do Sergas, na que se cursaban instrucións para que evitasen responder as preguntas que se lles formulasen sobre as listas de espera.

    Para Manuel Ruiz Rivas, os últimos datos dispoñibles confirman que a longa nómina de promesas electorais efectuadas polos candidatos do PSOE e do BNG na pasada campaña electoral en materia sanitaria, e especialmente na comarca da Barbanza, continúan á espera de facerse realidade.

    O deputado do PP sinala ademais que polo de agora, alomenos nacomarca do Barbanza, nada se sabe da redución das listas de espera, do incremento do cadro de persoal dos centros sanitarios públicos, da ampliación inmediata do Hospital Comarcal ou do incremento do equipamento tecnolóxico de última xeración neste hospital.

    Redacción Barbanza