NOIA> Noia acollerá a decimo segunda edición do Noia Harp Fest entre o 30 de xullo e o 2 de agosto. O festival contará con destacados representantes da música folk a nivel internacional como Rebeca Hill ou Kevin Le Pennec.
Un ano máis, e xa van 12, as arpas volverán encher cada recuncho da vila de Noia. Dende o 30 de xullo desenvolverase unha nova edición do Noia Harp Fest, unha cita consagrada xa a nivel mundial.
O programa inclúe concertos a cargo de destacados músicos galegos como Alba Barreiro ou Fernando Raña mesturados con arpistas de referencia internacional; entre eles, Kevin Le Pennec ou Yofre Brito.
Ós 4 días de programación oficial hai que engadir o concerto da Real Filharmonía do día 7 de agosto na Gala de Entrega do premio de composición Portus Apostoli.
A cita conta co apoio da Xunta, a través da Axencia Galega de Turismo, nunha clara aposta por estes festivais en pequeno formato que contribúen a consolidar a oferta de turismo cultural en toda a comunidade.
Precisamente a elección dos escenarios contribúe a dar a coñecer o rico patrimonio da vila con concertos programados nas igrexas de Santa María a Nova e San Francisco, a praza do Tapal, o coliseo Noela ou o claustro do concello.











