![]()
BOIRO> Un incendio forestal arrasou dezaoito hectáreas nas zonas de monte de Treites, Valmaior e Belles de Abaixo, aldeas da parroquia de Cespón.
{flowplayer}barbanza/incendioboiro.flv{/flowplayer}
O tempo seco e ventoso dos últimos días quizais puido axudar á proliferación das lapas deste incendio forestal que se orixinaba ó redor das doce e media do mediodía do mércores nunha zona de monte de Treites, Valmaior e Belles de Abaixo, na parroquia boiresa de Cespón.
As posibles causas do lume polo de agora descoñécense, á espera das posibles averiguacións que realice a propia Policía Autonómica.
Segundo informaron fontes da Consellería de Medio Rural e despois das primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada polo lume sitúase en torno ás 18 hectáreas, a maior parte de monte arborado.
Despregamento de medios
Nos labores de extinción deste lume traballaron un total de cinco helicópteros, catro de extinción e un de coordinación, un técnico e tres axentes forestais, 8 brigadas, compostas por entre 5 e 7 persoas e 4 motobombas.
Tamén colaboraron membros do servizo de emerxencias de protección de Boiro e efectivos da Garda Civil. Os labores de control e extinción prolongáronse por máis de seis horas, chegándose a controla-lo lume ás seis menos cuarto da tarde, quedando definitivamente extinguido en torno ás sete.
Redacción Barbanza









