O Consello Consultivo dá a razón ós veciños do edificio Proimbarsa

    BOIRO > Os veciños do edificio Proimbarsa, situado entre as rúas Principal e Dereitos Humanos de Boiro,  que manteñen unha disputa co concello debido á titularidade da praza peonil que existe no interior do edificio, celebraron onte pola noite cunha gran festa a nova do ditame do Consello Consultivo da Xunta de Galicia que vén a darlles a razón ó declarar este espazo como de titularidade pública.A pesar de que a resolución data do mes de xullo pasado, os veciños non tiveron coñecemento dela ata hai uns días, o que vén a poñer de manifesto o interese que tiña o concello en que non se fixera pública.

    Deste xeito tan singular, cun brinde, a comunidade de veciños residentes no bloque de vivendas Proimbarsa , entre as rúas Principal e Dereitos Humanos de Boiro, celebraban a nova do ditame do Consello Consultivo da Xunta de Galicia que vén a darlles a razón ó declarar este espazo como de titularidade pública.

    Dende hai varios anos veñen loitando contra o executivo para que faga efectiva a aceptación da cesión da praza efectuada nunha comisión de goberno celebrada no ano 1992 polo daquela alcalde, Manuel Velo.

    Os veciños do edificio Proimbarsa presentaron onte mesmo un escrito no rexistro xeral do concello solicitándolle ó executivo que se sirva de incluír no próximo pleno o peche do expediente, inscribindo a rúa no inventario de bens municipais, así como que proceda á reparación de tódolos desperfectos que presenta actualmente a praza e indemnizar á Comunidade de Propietarios por tódolos danos e prexuízos producidos nos garaxes.

    Os residentes do edificio seguen tamén molestos por outro asunto, polo que xa emprenderon accións xudiciais, contra a promotora que causou danos no bloque polas escavacións realizadas nuns terreos anexos para a construción dun parquing subterráneo co fin de que leve a cabo a reparación de tódolos desperfectos.

    Redacción Barbanza