O PSOE da Pobra denuncia o deficiente subministro eléctrico nos núcleos rurais

    POBRA > O PSOE da Pobra vén de facerse eco das denuncias dos veciños da parroquia de Santa Cruz en relación ás deficiencias no subministro eléctrico por parte de Unión Fenosa. Segundo denuncian os veciños, hai anos que veñen sufrindo corte de electricidade e baixadas da tensión sen que o concello faga nada ó respecto.

    As primeiras reclamacións efectuadas polos afectados remóntanse xa ó ano 2004 cando fixeron constar ante as administracións local e autonómica as constantes deficiencias no subministro eléctrico rexistradas en varios núcleos rurais, concretamente entre o Camiño Ancho e Santa Cruz. Os veciños presentaron daquela un recurso, baixo asesoramento da agrupación socialista, para instar á compañía encargada do abastecemento eléctrico a incrementa-la calidade do servizo en relación ó pago das tarifas que se vén incrementadas cada ano.

    Tralas xestións levadas a cabo pola asociación de veciños de Santa Cruz, o PSOE reclama ó concello que xestione esta problemática instando a Unión Fenosa a toma-las medidas oportunas para garantir un servizo de calidade. Neste sentido, o secretario de Organización da Agrupación socialista insta ó alcalde a solucionar as importantes deficiencias que, neste e noutros eidos, estanse a rexistrar no medio rural e que non se limite a actuar quince días antes das eleccións.

    O secretario xeral, Xosé Manuel Suárez, vai máis alá afirmando que Fenosa está a estafar ós veciños cobrándolle por un servizo que non presta. Suárez informou así mesmo da futura construción dun tendido eléctrico nesta parroquia, froito das reclamacións efectuadas polos propios veciños ante a Xunta de Galicia. Neste sentido, agarda que o concello non se ‘apunte o tanto’ desta actuación que pouco ten que ver coa capacidade de xestión do concello que o representante socialista cualifica de ‘errónea e deficiente’.

    A pesar de que o proxecto de construción do tendido xa está en marcha, os socialistas reclaman ó concello que obrigue a Unión fenosa a cumpri-la lei garantindo un abastecemento regular e coa tensión permanente.

    Redacción Barbanza