O executivo noiés urxe a mellora dun edificio catalogado en pleno casco histórico

    NOIA> O executivo noiés, a través da concellería de Casco Histórico e Patrimonio que dirixe Bieito González, vén de instar novamente á comunidade hereditaria propietaria dun edificio deshabitado en pleno casco histórico, concretamente no número 40 da rúa Corredoira de Luis Cadarso, para que cumpran coa orde de execución ditada o pasado mes de febreiro, derivada dun expediente de deber de conservación. Nesa resolución o concello instaba ós propietarios a acometer unha serie de actuacións destinadas a mitigar o estado de abandono do dito inmoble. A pesar de que os propietarios da vivenda realizaron algunha que outra mellora, quedaron actuacións pendentes, como é o caso da reconstrución da cuberta e o aleiro, polo que o executivo noiés decidiu ditar unha nova orde, ante a posibilidade de que o inmoble poida deteriorarse máis.