En pé de guerra pola falla de servizos básicos

    RIBEIRA > Os veciños da parroquia ribeiresa de Oleiros seguen a denunciar a falla de servizos básicos á que teñen que facer fronte a diario tales como a escaseza da auga ou as deficiencias no saneamento.Na tarde do xoves volveron manter un encontro cos representantes municipais do BNG para buscar unha solución urxente a esta problemática.

    Esta reivindicación non é nova senón que os veciños afectados levan denunciando o abandono ó que se atopa sometida a súa parroquia dende hai anos. Ademais dos constantes cortes de auga e os fallos de presión, os veciños denuncian as deficiencias na rede eléctrica con baixadas de tensión e cortes do subministro.

    Estas non son as únicas carencias que denuncian os veciños que reclaman unha maior seguridade vial na estrada xeral moi transitada por peóns posto que alí se ubica a escola infantil e un centro para discapacitados.

    As deficiencias no saneamento e a mala recepción da sinal de televisión que, en ocasións, non lles permite sintonizar ningunha emisora completan as reclamacións dos habitantes de Oleiros que cualifican a situación desta parroquia ribeiresa de tercermundista.

    Dende hai algunhas semanas os veciños veñen mantendo reunións cos representantes do BNG para analiza-las posibles vías de reclamación. Polo momento, os afectados están a recoller sinaturas para presentar unha inciativa que será asumida polo grupo nacionalista. A súa voceira, Domiga Brión criticou a xestión do goberno municipal que non abastece de servizos básicos a tódolos cidadáns do municipio.

    Redacción Barbanza