Posible intencionalidade no vertido do río Xunderama

    POBRA > O responsable da empresa Aquagest compareceu este venres en rolda de prensa xunto ó alcalde para informar sobre os vertidos rexistrados durante esta semana no río Xunderama na zona de Bandaorrío. Segundo se desprende dos informes emitidos, tanto pola empresa adxudicataria do servizo como pola Policía Local, o problema veu producido por un atoamento con madeira dun tramo do colector do polígono industrial que puido ser intencionado.

    O alcalde, Isaac Maceiras, dou lectura a dous informes, un realizado pola concesionario do servizo da rede de abastecemento de auga e saneamento no municipio, a empresa Aquagest, e outro efectuado pola Policía Local, no que se detallan as causas do vertido que se produciu esta mesma semana no río Morto, na zona de Bandaorrío en Pontenaveira e que foi denunciado polos veciños da zona.

    O rexedor pobrés amosouse sorprendido polo resultado das investigacións, xa que veñen a sinalar que veu provocado polo atoamento na rede de saneamento que procede do Polígono Industrial da Tomada con madeiras e outros restos de material de obra.

    O xefe de distribución da empresa Aquagest, Guzman Palacio, referiuse ós problemas existentes para dar co paradoiro do problema, o que dificultou as tarefas de limpeza e desatascado.

    O alcalde, Isaac Maceiras, chegou mesmo a sinalar que a obstrución puido ser intencionada polo que xa dou orde de iniciar unha investigación para tratar de esclarece-los feitos.

    Redacción Barbanza