A Consellería de Infraestruturas mellorará as pontes principais de Noia

NOIA> A Consellería de Infraestruturas investirá setecentos mil euros na posta en valor de Pontenafonso. Tamén se acometerán melloras na Ponte de Ceilán e rematarase o alumeado do viaducto sobre a ría.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a tenente alcalde, Laura Salgado, mantiveron un encontro coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que o estado das pontes do municipio foi un dos temas principais. De cara a 2020, o departamento autonómico investirá setecentos mil euros no arranxo de Pontenafonso. Trátase dunha actuación ambiciosa posto que a infraestrutura presenta unha capa de rodadura moi inestable, tanto que foi preciso restrinxir o tráfico pesado. Os traballos suporán a eliminación do actual aglomerado e colocación de adoquíns. Tan só se permitirá a circulación de turismos e vehículos autorizados ata determinada tonelaxe para garantir a preservación desta ponte medieval. Tamén se instalará un novo sistema de alumeado e se substituirán os elementos de protección que se atopen en mal estado.

Non será esta a única intervención da Xunta nas infraestruturas viarias posto que tamén se procederá ó reforzo dos elementos de protección lateral da Ponte de Ceilán. O investimento de douscentos mil euros, implicará tamén a mellora do alumeado para permitir o tráfico peonil en horario nocturno. En canto a iluminación, completarase tamén o proxecto xa iniciado no viaduto sobre a ría. As obras de dotación de luminarias comezaron hai un meses pero permanecen paralizadas por mor da creba técnica da empresa adxudicataria. Será preciso iniciar novamente o proceso de licitación para completar os traballos.

Ademais das melloras en infraestruturas de comunicación, destaca o gran proxecto de seguridade viaria na Barquiña que se iniciará o próximo ano

Na xuntanza abordaron tamén os avances previstos no sistema de depuración ou a reforma da estación de autobuses que vén de saír a licitación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí