O tecido cultural de Boiro, protagonista das festas de verán

BOIRO> O próximo venres 30 de xuño arrancan as festas do verán. O amplo programa das celebracións deuse a coñecer a pasada tarde nun acto no que se presentou a revista Folía, dedicada este ano ó tecido cultural boirense.

Boiro acollerá as súas festas de verán entre o 30 de xuño e o 5 de xullo. Seis días de celebracións no que a cultura estará moi presente. De feito, o pregón do venres que marcará o inicio dos festexos estará dedicado ó tecido cultural do municipio.

Entre as citas máis tradicionais destaca a festa da malla e xantar popular no parque da cachada que terá lugar o sábado día un. Tampouco pode faltar no programa a romaría das peñas, que se celebrará o luns. A asociación cultural Peñas Boiro organiza tamén este ano a Remember Fest que dará inicio ós festexos.

As orquestras de primeiro nivel así como bandas de referencia en toda Galicia completan o cartel musical que amenizará as noites festivas deste amplo programa de celebracións no que, ademais do tecido asociativo, colaboran numerosos voluntarios, corpos de seguridade e traballadores municipais.