O BNG esixe medidas urxentes para garantir a viabilidade da planta de reciclaxe de Servia

LOUSAME> O BNG do Barbanza denuncia a insostible situación da planta da reciclaxe de Lousame. Esixen á presidencia da Mancomunidade da Serra do Barbanza que convoque os órganos de dirección para abordar a nova licitación para a xestión do servizo, que continúa prorrogado tralo vencemento do contrato o pasado mes de setembro.

Son moitos e moi preocupantes os problemas que está a atravesar a planta de reciclaxe de residuos de Servia. Dende a insalubre e caótica situación derivada da falla de mantemento ata a falla de capacidade do vertedoiro, actualmente colmatada, o que obriga a transportar os residuos a outras plantas que acaba repercutindo no canon a aboar polos veciños. Xunto a isto, a comprometida situación económica provocada polos impagos e a falta dun plan económico que permita aprobar as contas ten contra as cordas un servizo que xera máis dun cento de postos de traballo ademais de supoñer un modelo de xestión de residuos máis sostible e ecolóxico.

Dende o BNG, reafirman a súa aposta por este modelo comprometéndose a acometer melloras na planta para adaptala ás novas normativas, no caso de chegar a ter responsabilidades de goberno na Xunta.

Mentres tanto instan á Xunta e á Mancomunidade a chegar a un entendemento para modernizar a planta garantindo así a súa viabilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí