O escultor ‘Francés’ doa unha nova obra ó concello pobrés

    POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal conta cunha nova peza na súa colección. Trátase dunha escultura en estilo minimalista realizada polo artista José Francisco López Noya, ‘Francés’ co título de ‘Planta número 8’ 

    escultura_300_240506.jpgA casa consistorial da Pobra do Caramiñal serviu de escenario para o acto de entrega dunha obra cedida ó concello polo escultor José Francisco López Noya, ‘Francés’, grazas ó patrocinio da empresa Blusens. A nova peza, realizada en aceiro inoxidable de tres metros de altura co título de ‘Planta Número 8’, forma parte da colección ‘Faunas III’ deste autor e que durante o pasado verán estivo exposta nos Xardíns de Valle-Inclán.

    Ó acto asistiron representantes da administración municipal, entre eles o alcalde, Isaac Maceiras, e a concelleira de Educación, Encarnación González, que expresaron o seu agradecemento pola cesión da escultura. O rexedor pobrés chegou mesmo a sinala-la súa futura ubicación, nunha rotonda que se construirá dentro das obras de mellora da rúa Castelao.

    No acto de entrega tamén participou o Director de Producto Blusens, José Manuel Ruíz, empresa que grazas ó seu patrocinio posibilita a doazón desta escultura ó concello pobrés.

    Redacción Barbanza