Falece Jesús Alonso, fundador de Jealsa e ex-alcalde de Boiro

BOIRO> Pesar en Boiro ante o pasamento de Jesús Alonso, ex alcalde e fundador do grupo conserveiro Jealsa. O empresario falecía a primeira hora desta tarde ós 92 anos de idade.

Non soamente Boiro senón toda a comarca do Barbanza están hoxe de loito tralo falecemento dun dos empresarios de referencia no mundo da conserva. Jesús Alonso falecía esta tarde ós 92 anos de idade.

A pesar de que levaba tempo retirado da vida pública, a nova do seu pasamento causou unha gran conmoción entre a sociedade barbanzá dada a relevancia de Jealsa, grupo conserveiro que fundou a finais da década dos 50 no seu Boiro natal. Con gran esforzo e visión empresarial conseguiu posicionalo como unha das principais empresas conserveiras a nivel internacional, líder mundial en manufacturación de atún,  con presenza en tres continentes e dando emprego a máis de dous mil traballadores.

Aínda que dende o ano 2015, o seu fillo Jesús Alonso Escurís asumía a dirección do grupo, o seu fundador nunca se desvinculou por completo da actividade empresarial e ata hai uns anos seguía a participar en numerosas actividades relacionadas co grupo conserveiro e mesmo visitaba con frecuencia a  factoría emprazada no porto do Bodión.

Alonso deixa a súa pegada non só na vida empresarial senón tamén na política posto que foi alcalde de Boiro entre os anos 1995 e o 2003. Trala nova do seu pasamento, o concello declarou tres días de loito oficial , dende o sábado ata o luns, durante os cales as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta. Os seus restos mortais están a ser velados no tanatorio Santa Eulalia de Boiro

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí