Portos sacará a licitación as obras do Porto de Cabo de Cruz neste ano

    BOIRO > O executivo boirés amosou hoxe a súa satisfacción ante o anuncio do presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, de sacar a licitación este ano as obras  de construción do novo porto de Cabo de Cruz, nas que se incluirían ademais das instalacións para actividades profesionais as de carácter deportivo.

    O primeiro tenente de alcalde de Boiro, Xoán Xesús Ares, fixo referencia á entrevista mantida na sede de Portos de Galicia con Vicente Irisarri, e á que tamén acudiron dirixentes do Club Náutico e Deportivo de Boiro, co seu presidente, Manuel Fajardo á cabeza, e o deputado socialista, Xosé Manuel Lage co fin de interesarse polo proxecto de construción dun gran porto en Cabo de Cruz.

    Durante a xuntanza Vicente Irisarri confirmoulle á delegación boiresa o enorme interese que ten o ente autonómico en que este proxecto se leve a cabo, confirmando que antes de finais de ano sairían a concurso as obras para completa-las actuacións que concluirán a prolongación do actual peirao e a construción dun contradique no que se habilitarán as instalacións náuticas.

    Precisamente as instalacións deportivas son unha demanda dende hai moito tempo e que polo de agora non viron a súa execución, polo que o anuncio da publicación do concurso das obras foi unha nova moi satisfactoria.

    Durante a entrevista o presidente de Portos tamén informou de que a demarcación de Costas xa lle remitiu un informe favorable para a ampliación da adscripción portuaria en Angados que posibilitará a mellora das instalacións que o ente portuario posúe alí, co fin de albergar nela unha zona para a construción e reparación de bateas. Esta iniciativa posibilitará, ademais das actuacións do sector mexilloeiro e empresas do sector, a centralización destes traballos en Angados, o que permitirá trasladar estas tarefas que habitualmente se levan a cabo no Saltiño ou Mañóns a un punto da costa alonxado das zonas de baño.

    Redacción Barbanza