![]()
POBRA > Os escolares do Colexio Pilar Maestú Sierra da Pobra desfrutaron ó longo de toda a semana coñecendo diversos aspectos da cultura tradicional galega co obxectivo de conservar e transmitir as costumes e formas de vida dos nosos avós. Unha das actividades que máis expectación espertou foi o obradoiro de alfarería impartido por dous artesáns de Buño.
Os pequenos prestaron atención ós traballos realizados polos alfareiros Julio e Pepe Cambre, máis coñecidos como ‘Os de Laura’, como se se tratara dun auténtico espectáculo visual. Estes dous irmáns, naturais de Buño (Malpica) levan toda a vida dedicados á práctica deste oficio que a pesar do paso do tempo segue a contar con gran aceptación.
Os artesáns fixeron unha demostración de mestría ante as expectantes miradas dos pequenos que non tardaron en pedi-lo turno para experimentar coas súas propias mans no barro. Un a un foron pasando polo torno para deseñar as súas propias creacións a través dun dos oficios máis antigos da nosa historia. Un oficio que foi transmito de xeración en xeración e que é importante seguir divulgando para evitar que se perda a cultura tradicional.
Nesta liña traballa o equipo directivo do Pilar Maestú coa organización desta Semana da Cultura Popular Galega que ten por obxectivo achegar ós máis novos unha parte do mundo no que se criaron os seus avós para manter viva a tradición. Dentro desta iniciativa xa se teñen desenvolvido obradoiros de fabricación de nasas e redes, xogos tradicionais e sombras chinesas.
Redacción Barbanza











