BOIRO > A Asociación de Veciños Camiño Real de Boiro vén de posicionarse abertamente a favor da implantación do centro comercial en Espiñeira posto que suporá unha dinamización da zona e repercutirá na mellora de servizos para os residentes. O colectivo veciñal considera ademais que se trata dunha oportunidade única para o concello de Boiro polo que anima a tódalas forzas políticas a reflexionar sobre a necesidade deste centro.
Os membros da Asociación de veciños Camiño Real veñen de celebrar unha asemblea na que se puxo de manifesto o apoio do colectivo ó centro comercial de Espiñeira. Neste sentido, entenden que ademais do importante pulo económico que suporá a posta en marcha desta superficie comercial para todo o municipio, repercutirá moi positivamente na calidade de vida dos veciños de Espiñeira. Ademais da mellora de servizos e de infraestruturas procederiase á apertura da rúa Vao para asúa conexión con Espiñeira, actuación moi demandada polos veciños.
Deste xeito, o presidente do colectivo pretende facer un chamamento ás demais asociacións e forzas políticas do municipio invitando á reflexión e esixindo a máxima seriedade á hora de tomar decisións. Muñiz non entende a oposición de Velo e do PP así como da patronal boiresa e teme que, se non apoian o proxecto, poidan lamentarse no futuro.
Redacción Barbanza