RIBEIRA> Esta vez, a petición da súa avogada, José Enrique Abuín, decidiu prestar declaración ante o xuíz que instrúe a causa pola desaparición e morte da moza madrileña, cambiando a súa versión e admitindo que esganara a moza madrileña. Aínda así recoñeceu que o fixera de xeito involuntario. Pouco antes das doce da mañá, hora prevista para a súa comparecencia, José Enrique Abuín, ‘O Chicle’, chegaba ós Xulgados de Ribeira. Facíao nun coche policial escoltado por varios axentes e agochado baixo unha suadoiro. Dentro agardábao o xuíz instrutor do caso, Félix Isaac Alonso, quen lle trasladou que ía ser xulgado por un xurado popular. Na vista, á que ademais foron chamados o resto das partes, tanto acusación particular coma fiscalía, concretouse tamén a súa imputación. Acúsaselle dun delito de homicidio ou asasinato, detención ilegal e contra a liberdade sexual. Na sesión a avogada do Chicle solicitou tamén a declaración do seu defendido ante o xuíz, polo que o simple trámite inicial, prolongouse por unhas horas. Segundo explicou o avogado da familia Quer, Ricardo Pérez Lama, na declaración cambiou a súa versión oficial ante a Garda Civil, recoñecendo agora que si esganara a moza madrileña, pero que o fixera de xeito involuntario. Tamén exonerou a súa muller da implicación nos feitos. Na sesión a acusación reclamou tamén a realización de novas probas nas qaue se incluiría a reconstrución, aínda que esta deberá ser aceptada en último caso polo acusado. O xuíz instrutor ten agora un prazo de cinco días para pronunciarse sobre as dilixencias e probas solicitadas por tódalas partes. Ata Ribeira tamén acudiu o pai de Diana Quer, quen explicou as razóns polas que decidiu estar presente hoxe na vista. Á entrada dos Xulgados Juan Carlos Quer volveu a incidir tamén na súa proposta de que non se derogue a prisión permanente revisable á que podería acollerse o presunto autor da morte da súa filla.
Inicio BARBANZA