O Hospital do Barbanza disporá dunha unidade móbil de resonancia magnética

    BARBANZA > A Conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio Vidal, anunciou que o Hospital Comarcal do Barbanza disporá en breve dunha Unidade Móbil de Resonancia Magnética coas máis altas prestacións existentes. A inversión na compra desta unidade ascendeu a 1’4 millóns de euros.

    hospi_300_260506.jpgA Unidade Móbil de Resonancia Magnética fará a mediados do mes de xullo as primeiras probas e estará a pleno rendemento a partir do mes de novembro. Esta unidade é a fórmula máis axeitada para as necesidades dos pacientes deste centro sanitario e doutros seis centros máis ós que vai tamén prestar servizo para minimiza-las esperas.

    Esta unidade que vén de merca-lo Sergas mantén as dúas premisas básicas que se requiren para estas probas: a gran calidade da imaxe e a ausencia de efectos nocivos para o organismo ó non empregar radiacións ionizantes.

    Ademais a presentación de servizos de radiagnose a través de unidades móbiles ten como vantaxe a equidade na distribución xeográfica dos recursos sanitarios permitindo o acceso a distintas tecnoloxías a pacientes residentes en áreas de relativamente pouca demanda. A unidade, que estará operativa no Hospital barbanzán posibilitará tamén un acceso rápido á diagnose, diminuíndo tamén o tempo transcorrido entre esta acción e o posterior tratamento, así como a diminución dos gastos e os riscos por traslados de pacientes a outros centros que xa dispoñen de resonancia magnética.

    O número de resonancias que se solicitaron neste centro hospitalario ascendeu durante o pasado ano nas 670, cifra que non fai rendible a instalación dunha resonancia magnética permanente, pero sí que poida contar dúas veces ó mes cunha unidade móbil.

    Redacción Barbanza