A Xunta inviste uns 80 mil euros en melloras nos colexios de Boiro

    BOIRO> A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou a marcha das obras que se acometen en varios colexios da localidade. Coñecedores dos múltiples problemas que presentan a maioría dos colexios de Boiro, especialmente os de Praia Xardín, Santa Baia, Santa María do Castro e Cespón, moitos deles a través das demandas das propias xuntas directivas dos centros ou ben a través das ANPA’s, a Xunta de Galicia decidiu investir na mellora destas instalacións uns 80 mil euros. As obras estanse a acometer na actualidade, durante o período estival, para que estean rematadas antes do inicio do vindeiro curso escolar en setembro. Algunhas das actuacións que se levan a cabo sona reforma da instalación eléctrica no colexio Santa Baia, a substitución das fiestras no CEIP de Cespón ou a reparación do lucernario e das fendas das paredes no Santa María do Castro. Ademais as intervención completaranse coa renovación da cuberta no patio de infantil do Praia Xardín. O alcalde Xoán Xosé Dieste, destacou o investimento realizado nestes catro colexios, que se suma a outras actuacións financiadas polas propias arcas municipais. O investimento da Xunta nas instalacións educativas, non se centra unicamente no concello de Boiro. Así destinaranse uns 179 mil euros á posta a punto de máis centros educativos nas comarcas do Barbanza e Noia, con actuacións no colexio noiés Felipe de Castro, na Pobra no Salustiano Rey Eiras e no Fernández Varela, en Outes e Portosín, así como no IES Félix Muriel de Rianxo. Tamén se actuará no CEIP O Grupo e no IES Número 1 de Ribeira.

    Comments are closed.