A Local de Ribeira tramita 13 denuncias administrativas na fin de semana

    RIBEIRA > Trafegada fin de semana para a Policía Local de Ribeira que levou a cabo varias actuacións. A primeira delas tivo lugar no mercadiño ambulante do sábado no que tiveron que ser levantados catro postos non autorizados que infrinxían a normativa e carecían de autorización municipal. Así mesmo, foron denunciados os titulares doutros cinco postos por ensucia-la vía pública.

    Ademais das nove denuncias administrativas tramitadas na mañá do sábado, que levan aparellada unha sanción de ata 300 euros, axentes das policía local e nacional víronse obrigados a intervir nunha liorta acontecida na madrugada do sábado ó ddomingo na rúa Manzanares. A pelexa saldouse con dúas persoas feridas e dous mozos, de 16 e 19 anos, denunciados por infrinxi-la lei de Seguridade Cidadá.

    Arredor da medianoite de onte, os axentes recibiron a chamada dun grupo de veciños de Fafián que alertaba da presenza de dous cans que estaban destrozando un vehículo estacionado. A patrulla que se desprazou ata o lugar comprobou os danos provocados polos cans, de raza pastor alemán. Os axentes requiriron ós seus propietarios para identificarse a eles mesmos e ós animais pero se negaron a saír da súa vivenda. Por este motivo, a policía procedeu a denuncialos por desobediencia ós axentes da autoridade así como por incumprir a Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

    Redacción Barbanza