Recollida de sinaturas para implanta-la xornada lectiva única

    POBRA > Pais do colexio Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal entregaron no Rexistro Xeral do concello unhas 280 sinaturas nas que lle reclaman á Consellería de Educación poder exerce-lo seu dereito a elixi-la xornada lectiva que desexan para os seus fillos o vindeiro curso académico. En marzo o Consello Escolar do centro acordou solicita-la xornada lectiva en sesión única de mañá, aínda que a petición foilles denegada pola Dirección Xeral de Centros, esgrimindo a súa decisión nun aumento nos custes do transporte escolar.

    Os membros da ANPA procederon á recollida destas sinaturas, que representan case o 80 por cento dos pais, como medida de presión para que Educación lles permita implanta-la xornada única no centro. A intención do consello escolar era establecer o horario lectivo de nove a dúas da tarde da cara ó vindeiro cursos 2006-2007 polo que xa no pasado mes de marzo presentou a súa solicitude ante a Dirección Xeral de Centros . Sen embargo, a resposta da Consellería de Educación foi negativa alegando que suporía un incremento do custe en transporte pola coincidencia de horarios con outros centros.

     A dirección do centro presentou entón un recurso pedindo a modificación do horario en cinco ou dez minuto para evitar así entorpece-lo transporte a outros centros. Sen embargo, a resposta ó recurso foi novamente negativa, deixando soamente a vía do contencioso administrativo para recorrela. A intención do colectivo de pais é seguir reivindicando o seu dereito a elixir a xornada lectiva dos seus fillos polo que non descartan a toma de novas medidas de presión.

    Redacción Barbanza