A Copa Deputación de fútbol arranca o 9 de xullo

PONTEVEDRA > Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Fútbol pechan o 25 deste mes o prazo de inscrición para participar na Copa Deputación. A competición foi presentada este martes ós clubs da provincia para ultimar o calendario, que daría comezo o vindeiro 9 de xullo para poder rematar antes do inicio da liga.

Ata un total de 176 equipos de fútbol da provincia de Pontevedra terán opción a disputar a Copa Deputación. O prazo de inscrición remata o vindeiro día 25 e poderán anotarse os clubs que militan en terceira división, rexional preferente e primeira, segunda e terceira rexional. Os equipos destas dúas últimas categorías iniciarán a competición o 2 de xullo na fase previa. A primeira eliminatoria celebrarase o 9 de xullo, e a partires de aí, con sistema Copa, sucederanse as eliminatorias ata o 13 de agosto que será a semifinal. A data da final está por determinar pero será antes de que remate agosto. A Federación Galega de Fútbol define esta Copa Deputación como única no seu xénero en Galicia e agradeceu ó organismo provincial esta aposta polas raíces do fútbol.

A Deputación destina a esta competición uns 66 mil euros con incentivos económicos para os equipos. Só por participar percibirán 200 euros. Na primeira e segunda eliminatoria cobrarán en cada unha 100 euros máis, ata semifinais serán 200 euros por cada partido superado. Os que cheguen á semifinal cobrarán 300 euros máis e os finalistas engadirán ás súas arcas 600 euros cada un. Ademais da aposta económica, o presidente da Deputación lembrou tamén os 18 millóns de euros que está a destinar á construcción de campos de herba sintética. Os finalistas da Copa Deputación percibirían arredor de 2.000 euros e como peche da competición disputarán un encontro co Celta de Vigo e co Pontevedra Club de Fútbol.

Redacción Salnés