O proxecto ‘Galiza Suma’ integrará ó futuro parque empresarial do Barbanza

    BARBANZA > A Consellería de Vivenda e Solo ten previsto integrar o futuro parque empresarial do Barbanza, situado entre os concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal, dentro do programa ‘Galiza Suma’ ó considerar que se trata dun proxecto de carácter estratéxico. Con esta iniciativa crearanse máis dun millón de metros cadrados de solo produtivo na comarca, ós que se lles sumará tamén a ampliación prevista para o polígono de Espiñeira en Boiro e a creación do tan ansiado parque empresarial de Té en Rianxo.

    Dende a Consellería de Vivenda e Solo sinálase que a política de solo industrial deste departamento na comarca do Barbanza pasa fundamentalmente pola creación deste macro parque empresarial entre os concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que contará cunha superficie total dun millón de metros cadrados e un investimento previsto de 32 millóns de euros.

    Proba desta aposta polo Barbanza está o feito de que a Consellería decidiu integrar este proxecto supramunicipal no programa ‘Galiza Suma’, ó considerar que se trata dun parque de carácter estratéxico. Este programa desenvolvido en colaboración coa Consellería de Industria integra ós parques empresarias considerados estratéxicos para o desenvolvemento económico e o reequilibrio territorial da comunidade, categoría na que se inclúe o polígono industrial do Barbanza.

    A Consellería de Vivenda ten previsto levar a cabo tamén na comarca outras accións en materia de solo produtivo. A ampliación do parque empresarial de Boiro con 80 mil metros cadrados correspondentes á segunda fase, así como tamén o polígono industrial de Té en Rianxo a desenvolver neste caso pola Sociedade Empresarial do Atlántico, SEA, na que Vivenda e Solo participa nun 15%, e cuxa superficie ascenderá ós 340 mil metros cadrados.

    Redacción Barbanza