O concello acometerá o saneamento de Oleiros

    RIBEIRA > O concello de Ribeira iniciará as obras do saneamento da parroquia de Oleiros entre este ano e o seguinte. Así o acordaron os grupos políticos que conforman a corporación ribeiresa no transcurso do pleno no que tamén abordaron as deficiencias na rede de abastecemento e na recepción da sinal de televisión que está a sufrir esta parroquia.

    O pleno celebrado pola corporación ribeiresa levantou unha gran expectación cun número de público moito maior que o habitual. Eran os veciños de Oleiros que non quixeron perderse o debate político sobre as melloras que precisa esta parroquia e que constitúen unha vella demanda dos cidadáns. As tres mocións presentadas en relación ó abastecemento de auga, a rede de saneamento, e a recepción da sinal de televisión foron debatidas de forma conxunta chegando a acordo en practicamente tódolos puntos.

    A conexión de tódolos veciños á rede de abastecemento supón unha actuación próxima ó millón seiscentos mil euros, financiados conxuntamente polo concello e a Xunta de Galicia. Na moción presentada polo grupo nacionalista solicítaselle ó goberno que axilice os traballos mentres que o executivo local entende que ten que ser a Xunta quen se encargue da axeitada execución das obras. Como xa anunciara o edil de Obras, Cándido Castro, a vindeira semana comezarán as conexións na Gándara co que se prevé que o servizo estea garantido durante a primeira quincena de xullo.

    En canto ó saneamento, o PP comprometeuse a inicia-las obras este mesmo ano, sempre e cando exista remanente nos presupostos. Nocaso de que non fose así, consignarías eunha parttida para esta actuación nos orzamentos do vindeiro exercicio. Polo momento, o concello xa ten á súa disposición un terreo para a estación de bombeo e o proxecto xa está redactado.

    Polo que respecta á recepción televisiva, acordouse instar á Xunta á mellora da sinal coa posibilidade de instalar un repetidor nas inmediacións do campo de fútbol.

    Ademais das mocións relativas á parroquia de Oleiros que foron as que precisaron dun debate máis extenso, a corporación abordou outros temas como a posibilidade de reparti-los custos do financiamento do conservatorio municipal entre as administracións local, provincial e autonómica que foi apoiada por tódolos grupos. Tamén por unanimidade se aprobou a adhesión da corporación ó fondo galego de cooperación e solidariedade establecendo que o concello destine unha parte das axuda ó terceiro mundo.

    Na moción presentada polo grupo socialista, solicitando a prohibición da actividade privada ós arquitectos e enxeñeiros municipais, a corporación acordou o incremento do control por parte do goberno para que se cumpran as leis de incompatibilidade xa existentes.

    Redacción Barbanza