Pleno especial polo autismo

RIBEIRA> O salón de plenos do concello acolleu esta mañá unha sesión plenaria especial co gallo da conmemoración do Día Mundial do Autismo. Foi un pleno con protagonismo para os propios usuarios da asociación Amicos, que aproveitaron a ocasión para reclamar unha sociedade máis accesible.

Foi unha xornada especial para eles coa que querían conmemorar o Día Mundial do Autismo, este ano baixo o lema ‘Unha dinámica nova para o autismo’. Dende a asociación Amicos, en colaboración co concello de Ribeira, programaron un acto no propio salón de plenos. Por un día Rosa, que padece este trastorno, foi a protagonista. Polas súas dificultades para a comunicación oral, empregou un sistema de comunicación alternativo, para que todos a puideran entender. Aínda que estaba un pouco nerviosa, pois nunca falara para tanto público, contounos como se sente, os seus gustos..pero tamén tivo a posibilidade de reivindicar os seus dereitos e tamén os dos seus compañeiros.

Dende Amicos destacaron tamén a importancia do acto co fin de apoiar a tódalas persoas que padecen autismo.

O alcalde, Manuel Ruíz, mostrouse tamén feliz por ter participado no acto. Segundo el trátase dun día dos que alegran a tarefa municipal, que axuda tamén a visibilizar un ‘problema’ que non é tal.

O acto rematou no exterior, na praza do Concello, cunha foto de familia coas autoridades e tódolos usuarios de Amicos para reivindicar unha sociedade máis accesible para todos.

Comments are closed.