RIBEIRA> A Policía Local informou da denuncia a un veciño da localidade por un presunto delito contra a seguridade pública. Foi a raíz dun accidente que se producía esta fin de semana, na madrugada do veres ó sábado, na avenida da Coruña. Na proba de alcoholemia que lle realizaron os axentes arroxou un resultado positivo.
A Policía Local de Ribeira denunciou a un veciño da localidade de 32 anos por un presunto delito contra a seguridade pública. Os axentes foron alertados polo 112 dun accidente na Avenida da Coruña, pasadas as tres da madrugada.
Unha vez no lugar asistiron ó condutor do vehículo sinistrado que presentaba feridas superficiais no rostro e nas extremidades superiores, así como unha forte dor lumbar e torácica. Sometido á proba de alcoholemia, resultou positiva con 0,84 gramos por litro de aire expirado. O condutor era ademais novel e comprobouse que o vehículo carecía de seguro e ITV.
Foi trasladado ó Hospital da Barbanza para que lle trataran as feridas. Pero minutos máis tarde do ingreso, para sorpresa dos axentes, recibiuse o aviso do centro hospitalario de que a persoa implicada no accidente se dera á fuga. Foi localizado momentos máis tarde na estrada AC-550 con síntomas de desorientación polo que volveu ser trasladado ó hospital.