Ribeira promoverá o funcionamento dos Servizos Sociais

    RIBEIRA> Esta mañá presentábase no concello o programa ‘Nós + Outros’, unha actividade promovida dende o departamento de Servizos Sociais que ten coma principal finalidade difundir entre os escolares o funcionamento desta área municipal. A iniciativa desenvolverase ó longo dos meses de marzo e abril, e nela tomarán parte máis de 600 alumnos de Primaria e de 3º de ESO dos distintos centros educativos do municipio. O programa xurdiu a raíz da constitución do Consello Local de Inclusión Social, no que se abordou a necesidade de ofrecer unha maior difusión das actividades e accións que se están a levar a cabo dende o departamento de Servizos Sociais. Coñecer Ribeira dende unha perspectiva sociocomunitaria, previr actitudes e comportamentos segregacionistas e dar a coñecer o papel e funcións dos Servizos Sociais serán algúns dos obxectivos máis concretos desta acción que está previsto que dea comezo este vindeiro xoves día 20 no colexio Galaxia. O pedagogo municipal, Santiago Páramo, será o encargado, xunto coa colaboración do profesorado dos distintos centros, de desenvolver este programa.